O conxunto viaxou en tres ocasións a Galicia:
-
A primeira en 1986, tendo varias actuacións, entre elas: Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Televisión de Galicia (no ano da súa inauguración), parroquia de Vedra, como así foi tamén nas festas de parroquias e concellos veciños. Pero quizais a actuación máis importante foi na catedral de Santiago, bailando no altar antes de ver funcionar "o botafumeiro", dando a misa Don Armindo Iglesias Diéguez, cura párroco de Vedra.
-
A segunda ocasión foi en 1997, para asistir ao II Día da Galicia Exterior. O conxunto tivo unha gran experiencia, participando na Praza da Quintana de Santiago. Actuaron tamén en Ferrol, na Festa de San Campio de San Miguel de Sarandón, e en Vedra. Nesa ocasión recibimos a colaboración dos concellos de Boqueixón, Teo e Vedra, cos seus alcaldes Adolfo Gacio Vázquez, Armando Blanco Martínez e Odón Cobas García, que organizaron excursións e agasallaron ao grupo de danzas e gaitas. Pero sen dúbida, un momento emocionante foi a despedida no polideportivo de Vedra, onde os veciños brindaron todo o seu cariño á nosa xente de Buenos Aires.
-
A terceira ocasión foi en 1999. Agosto foi o mes do reencontro. Participaron na Festa de San Campio, no Certame Folclórico do Ulla, e no III día da Galicia Exterior na alameda de Santiago. O noso conxunto foi un dos 25 grupos participantes de diversos lugares do mundo. Nesa ocasión tamén os nosos amigos de Boqueixón e Teo nos invitaron a compartir agradables momentos. En Vedra cómpre destacar a participación do alcalde Odón Cobas García e todo o seu equipo de goberno, que organizaron excursións e reencontros con mozos do lugar, que tamén participan en grupos de música e danzas.